lunes, 17 de diciembre de 2007

O único imputado pola explosión en O Porriño queda libre con cargos

O mozo A. C. D. de 21 anos e veciño de Mos, acusado da autoría da explosión dun petardo no centro de Porriño na noite do luns, quedou en liberdade con cargos tras declarar ante o xuíz. O detido, ao que se lle atribúe un delito de danos á propiedade, declarouse único culpable do sucedido e exculpou de calquera responsabilidade aos dous mozos porriñeses que lle acompañaban; un de 19 e outro menor de idade, de 16 anos.

O mozo acudiu voluntariamente ao Xulgado de Instrución Número 2 de Porriño para prestar declaración en calidade de imputado. Antes xa recoñecera, ante a Garda Civil, a súa autoría exclusiva, na colocación do artefacto pirotécnico. "Eles non fixeron nada, só miraban", relatou o detido aos axentes no momento de tomarlle declaración.

No que respecta aos outros dous mozos implicados na explosión, e que foron exculpados polo detido, non acudiron a declarar onte, xa que, segundo indican fontes da Garda Civil e da Fiscalía de Menores, non teñen responsabilidade nos feitos.
Así mesmo, o detido recoñeceu ante as forzas policiais que el fora o único responsable os feitos ocorridos na praza Antonio Palacios e que causaron danos materiais nas vivendas e negocios das inmediacións. A onda expansiva provocou a rotura de cristais en varias fiestras de vivendas lindeiras e tamén no propio concello, entre outros danos.

Os feitos


As investigacións iniciadas por mor da explosión dun artefacto pirotécnico no centro da localidade pontevedresa do Porriño confirman que o suceso foi unha "canallada" .

Segundo explicaron fontes próximas á investigación, os indicios apuntan a que se tratou da explosión dun "petardo dos que se usan nas festas", e que "non tiña ningunha outra intencionalidade, nin política nin doutro tipo".

A explosión produciuse sobre as 23.45 horas de onte na praza Antonio Palacios e a onda expansiva fracturou algúns cristais do concello, así como dun edificio situado enfronte. De feito, algúns veciños da zona confirmaron que, sobre a medianoite pasada escoitaron "un petardo forte" e, ao saír á rúa, comprobaron que a Policía acordoara a zona, na que se apreciaban os danos. "Había cristais rotos e paneis de madeira caídos", explicaron.

Non houbo que lamentar vítimas, pero si danos materiais. Numerosos establecementos e inmobles da zona sufriron danos, sobre todo cristais rotos. O kiosko “Moita de Guerra”, situado a escasos metros do lugar no que se colocou o artefacto, só sufriu danos na súa porta traseira e un cristal roto. Peor sorte correu o baixo, propiedade dos donos da farmacia Carmen Peralba e situado xusto á beira do Kiosko. "Rompéronllenos nove cristais, o meu pai que vive encima do baixo chamounos esta mañá para contárnolo", explicou a familia Peralba.

A onda expansiva tamén rompeu un dos cristais do escaparate da zapatería 'A Guía'. A súa dona explicou como viu o fume desde o balcón da súa casa. “A miña sogra chamou á Policía Local e dixéronlle que fora un petardazo”

As testemuñas dos porriñeses

Carlos Bastos, responsable da cafetería Lennon situada preto da praza do Concello, limpaba o seu negocio cando escoitou unha forte explosión. Saíu a ver que pasaba e viu a tres mozos correndo polas escaleiras que ascenden ata o parque do Cristo. "Non puiden ver as súas caras pero lle expliquei á Policía como ían vestidos, que levaban gorros e que a súa idade non superaba os 19 anos". Como el, outros veciños saíron ás súas fiestras ao escoitar o estrondo, algúns deles identificaron a un dos mozos.

"Estaba en cama e oín un ruído moi forte, pensei que explotara unha bombona". Gonzalo Barciela levantouse da cama sobresaltado por un forte estrondo e como el centos de porriñeses que escoitaron o ruído. Uns identificárono como unha explosión, outros como un petardo moi potente e outros non souberon atribuír a ningún fenómeno coñecido. Moitos deles, saíron á fiestra e puideron contemplar unha densa capa de fume que os desconcertou aínda máis. Nese momento, decidiron porse o abrigo e saír das súas casas en dirección ao centro urbano para saber de primeira man que sucedera. "Cando vin en dirección ao Concello había unha nube de fume, achegueime e cheiraba a pólvora. Din de todo pero eu creo que isto é unha canallada, ademais viron a dous rapaces fuxir cara á Avenida de Galicia"

O alcalde aproveitou a ocasión para recomendar a todos os veciños que teñan ciudado cos artefactos pirotécnicos nesta festas e evitar, deste xeito, posibles accidentes.

No hay comentarios: