viernes, 15 de febrero de 2008

A nova variante de O Porriño desconxestionará o tráfico polo centro da vila


A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, inaugurou onte no municipio de Mos a variante de Porriño, unha vía que enlaza polo noroeste estrada Porriño -Gondomar (PO-331) coa N-120 en Mos facilitando o acceso ás autovías a Tui e das Rías Baixas e evitando así o paso de tráfico pesado polo centro urbano.

A nova variante conta cunha lonxitude de 520 metros e supuxo un investimento duns 3 millóns de euros. A estrada parte dunha nova glorieta na avenida de Bos Aires, nome que recibe a PO-331 convertida na práctica nunha vía urbana na súa entrada no Porriño -zona do paso a nivel-, e remata na N-120, onde se remodelou o nó anterior para construír unha nova glorieta que regula máis eficazmente os tráficos das estradas que alí conflúen.

O viario, que se construíu en terreos dos termos municipais de Mos e Porriño, ten dous carriis de 3,75 metros de ancho e dúas beiravías de 2,5 metros. Ademais, conta cun viaduto de 170 metros sobre o río Louro.

Esta estrada permite desviar tráficos fose do centro urbano do Porriño, especialmente os vehículos pesados e de mercancías perigosas nunha zona altamente industrializada. Así, a nova vía enlaza a PO-331 que chega desde o Val Miñor e a Cidade Universitaria de Vigo coa rotonda e o nó de acceso á autovía Vigo-Tui (A-55) e, desde ela, á Autovía das Rías Baixas (A-52).

No hay comentarios: